Imos ver se damos un pouco de brasa, porque hai cousas que un non pode comprender: debe ser que lle faltn eses dous gramos de neurona que arredan o meu cerebro do da xente normal.
A cuestión é un pouco a de sempre: que ferramentas temos no noso idioma? Non falo de ferramentas base ou técnicas: falo de ferramentas que o común dos mortais poida empregar para o seu traballiño de todos os días. E a verdade é que, en concreto neste apartadiño da tradución, é que se che cae a cara de vergonza.
Unha das cuestións máis patéticas con respecto á lingua é esa mentalidade cateta que limita a interpretación e a traducción a unha soa vía: cara o galego si, que é o que compre, do galego cara fóra: como dis? É que existe algún idioma no universo diferente do castelán? É que o noso mundo non se limita a Españolandia? Para cando teremos, poucas grazas, un tradutorciño directo ao portugués, diferente do Por2Gal, e parabéns ao seu autor, porque proxectiños fainos calquera (eixopentrad: u-lo?) o caso é que non tarden vinte anos en facerse realidade, ou que nunca se distribúan (Cotovía, por exemplo). Como é que as iniciativas dos particulares sempre van por diante das iniciativas da administración ? (Para ferramentas de traducción procúrese por exemplo : "Ana Hermida" e xa verán que risa se a comparan coas ferramentas de traducción "institucionais")
Desde logo, da sensación de que á administración impórtalle ben pouco, por non dicir que lle parece o natural: para saír fóra hai que pasar polo castelán. Pode explicarmo alguén? Eu non quito a importancia de contar con bós tradutores ao castelán: son imprescindibles, pero alguén me tería que dar unha explicación de como é que mesmo nas versións de tradutores de código aberto a disposición dos usuarios (como Apertium, sen ir máis lonxe, na Universidade de Vigo) o único que se pode facer é traducir galego-castelán. En cambio, se abres o Apertium na universidade de Xixón, pois caramba: podes facer probas -pasando polo castelán, pero neste caso é natural- co catalán, o francés, o... Claro, tes o Opentrad, para os idiomas "autonómicos" (quita o eúscaro da lista meu, que para iso hai que buscarse a vida noutro sitio) pero que pasa co inglés e o francés? A cousa debe ser a de sempre: que inventen eles. Non vaia ser que por aí adiante descubran que temos algo que paga a pena, e mesmo que somos capaces de utilizar idiomas diferentes do español.
E despois falarán do ensino plurilingüe...