29/01/2011

De asteroide a cometa, estraña metamorfose

Unha noite do pasado mes de Decembro, Steve Larson do equipo de observación astronómica Catalina Sky Survey, dependente da Universidade de Arizona, estaba a buscar asteroides potencialmente perigosos cando bateu co que parecía un cometa: un débil ronsel proxectado desde un núcleo brillante semellante a unha estrela. Catro imaxes tomadas ao longo de 30 minutos revelaron que o obxecto se estaba movendo en relación coas estrelas de fondo.

Larson sospeitou que se trataba dun cometa coñecido, pero ao revisar a base de datos de cometas non atopou ningún que encaixase co misterioso obxecto.

Investigacións posteriores revelaron que o obxecto é o asteroide coñecido como Scheila, descuberto en 1906 polo astrónomo alemán August Kopff e que figura co número 596 no catálogo internacional de asteroides.

O astro vira ao redor do Sol xunto a miles de obxectos similares no principal cinto de asteroides do noso sistema solar, situado aproximadamente entre as órbitas de Marte e Xúpiter, e circula fóra do plano da eclíptica no que se move a maioría dos planetas e asteroides.

Alex Gibbs, membro do Catalina Sky Survey, estudou imaxes previas dos arquivos do grupo, pero non atopou ningunha actividade até o 3 de Decembro. Nese día, o obxecto apareceu máis brillante e algo difuso.

Unha análise previa da cor de Scheila indicou que o astro está feito de material primixenio sobrante da formación do sistema solar e que podía ser un cometa extinto. A súa natureza cometaria parece agora confirmada definitivamente, pero haberá que investigar máis para pescudar a historia deste peculiar astro.

En 1998, Larson fundou o Catalina Sky Survey, un proxecto apoiado pola NASA e encamiñado a descubrir e catalogar asteroides potencialmente perigosos por pasar preto da Terra. O grupo conta con dous telescopios nas Montañas Catalina e un en Australia, e actualmente está a realizar o 70 por cento de todos os descubrimentos de obxectos próximos á Terra, incluíndo un que caeu no norte de Sudán no 2008.


fonte

http://www.solociencia.com/astronomia/11012403.htm