29/01/2011

Os buratos negros remozan

Un equipo de astrónomos da Universidade de Tel Aviv, incluíndo a Hagai Netzer e a Benny Trakhtenbrot, determinou que a época en que os buracos negros máis masivos comezaron a crecer a ritmo acelerado presentouse cando o universo tiña só arredor de 1.200 millóns de anos, e non entre 2.000 e 4.000 millóns de anos, como se cría anteriormente.

A nova investigación baséase en observacións feitas con algúns dos máis grandes telescopios situados na superficie da Terra: o Telescopio Gemini Norte, na cima do Mauna Kea, Hawai, e o VLTA en Cerro Paranal, Chile. Os datos obtidos coa avanzada instrumentación destes telescopios mostran que os buracos negros que xa estaban activos cando o universo tiña 1.200 millóns de anos, eran preto de dez veces máis pequenos que os buracos negros de maior masa de épocas máis recentes. Con todo, eses buracos negros arcaicos crecían moito máis rápido.

O equipo descubriu que os primeiros buracos negros que se formaron, aqueles que iniciaron o proceso de crecemento máis aló da súa masa estelar cando o universo tiña só uns centos de millóns anos de idade, posuían masas de tan só entre 100 e 1.000 veces a do Sol. Tales buracos negros poden estar relacionados coas primeiras estrelas creadas no universo.

Outros investigadores do proxecto son Ohad Shemmer da Universidade do Norte de Texas, e Paulina Lira da Universidade de Chile.