Saber e investigar son as dúas caras dunha moeda: pero hai unha investigación libresca, que afonda nos resultados xa coñecidos e prepara novas propostas e hipóteses, e unha investigación experimental, que, se por unha parte trata de confirmar as hipóteses formuladas, por outra propón novas investigacións baseadas nos resultados do experimento, que a teoría non é quen de explicar ou xustificar. O LHC é quizais o máis alto expoñente desta diferenza entre o coñecemento científico e outros saberes: como máquina experimental acaba de confirmar que pode proporcionar máis datos dos agardados como resultado dos seus programas experimentais, (ATLAS, CMS) , que han alimentar os debates das conferencias deste verán de Grenoble e Bombay onde se discutirá sobre o mecanismo de Higgs e a supersimetría, coa agardada aparición estelar do bosón de Higgs na confirmación do Modelo Estándar da Física de Partículas e as novas interrogantes que a avalancha de datos experimentais ha suscitar, sen dúbida algunha.
Nestas discusións han entrar tamén os resultados xaponeses nos seus experimentos con neutrinos e a relación entre materia e antimateria no universo, unha vez máis redescubrindo a relación entre a gran escala e a pequena escala do universo. Un universo que sigue ofrecéndonos motivos quizais menos fastosos, pero non menos transcendentes de cara á nosa vida real, como a posible finalización do ciclo de manchas solares, cuxa influencia no clima terrestre está ben documentada, a sorprendente habilidade canina, ou a miserable torpeza dos seres humanos e a súa teima de control e prevalencia sobre os demais seres e institucións, con argumentos ben pouco científicos: a ciencia ten asumido tal grao de prestixio que toda mentira ou interese busca acubillo baixo as súas ás. Distanciarse, ir lonxe, cara o ignoto , descoñecido , ou simplemente distante pode parecer un dispendio innecesario, pero resulta ser un único camiño para coñecérmonos, e coñecéndonos, ser capaces de mellorar as nosas vidas, de curar as nosas feridas mesmo antes de que aparezan.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada