17/06/2011

Pó de estrelas

Unha das teimas da ciencia é atopar formas de medir o inimaxinable: agora, un grupo de siquiatras ven de validar unha escala clínica para medir a impulsividade, que ven sendo algo así como unha forma de categorizar os atrevementos de cada un . Tal vez por isto, e por cousas aínda peores, como a identificación de xenes que predin a evolución do VIH (imaxinan o que pagarían certas compañías por un banco de datos con esa información?) fan que tanto saber se volva un pouco perigoso. Na medida en que a intimidade desaparece, non desaparece tamén a liberdade? Por veces, a ciencia semella un buraco negro que nos persigue. Afortunadamente, por máis altivez que demostre, tamén ten que dobrar o xeonllo de cando en vez, e cando o fai, resulta aínda máis atractiva que cando atina, por máis que non saibamos moi ben de se o tema ten importancia relativa, ou é algo que nos afecta directamente.

Adoito propónnos soños que debe vestir con traxes remendados, e outras veces a realidade pode resultar máis aterrorizante que a ficción máis enfermiza. Hai quen di que pode darnos a felicidade, pero se fora certo, é posible que IBM, que hoxe está de festa de anos, ou alguén similar encontraría a maneira de no-la vender a bo prezo. Por iso, o mellor é seguir mirando ao ceo, que sempre ten algo que ensinarnos, e de momento, segue a ser de balde.