Cremos que somos libres. Que podemos decidir canto nos afecta sen influencias externas. Pero cada día descubrimos como a química afecta, define, o noso comportamento, ata un punto que sería mellor non imaxinar. Cremos que somos unhas criaturas especiais, con habelencias propias e exclusivas, como a linguaxe ou a capacidade de razoar. Pero seguimos sendo criaturas suxeitas á dor, que se afanan para resolver destinos inexorables, que acadan pequenos éxitos en grandes batallas nas que o afán de vitoria pode facer máis dano que a propia guerra.
Como “señores da natureza” imitámola, ou destruímola, para un beneficio dubidoso, para vivir perigosamente, dun xeito que nos enerva. Vivimos ancorados nun paradoxo: canto máis esmigallamos a materia, máis nos amola a necesidade de proceder con cautela, de convivir coa necesidade de limitar o abuso da confianza, de evitar que o poder dese lume nos devore, esquecendo que as razóns da ira dos deuses, no seu castigo a Prometeo. Con demasiada torpeza, os nosos antollos ou simples costumes –cantas veces disfrazados de necesidades- destrúen o lugar onde vivimos. E cando, desbordados pola propia necidade, recordamos a inmensidade da fermosura que asasinamos, consolámonos buscando unha fuxida a un novo e inmaculado paraíso, alleos á verdade do misterio: aos múltiples e delicados segredos da vida.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada