08/10/2011

Días de todo, vésperas de nada

Mentres o estraño comportamento dos neutrinos segue dando que falar e que pensar a todos os físicos, teóricos ou experimentais, algúns coa esperanza de que se abra unha nova era de descubrimentos, e outros temerosos de que un dos dous piares da Relatividade se veña abaixo, as primeiras explicacións non parecen satisfacer a moitos.
Tomando as cousas con humor, que as catástrofes hai que collelas como veñen, é bo lembrar os IgNobel, e a súa discusión sobre os efectos das vexigas cheas no cerebro humano entre outras marabillas do enxeño aplicado aos máis diversos estudos. Ese mesmo enxeño que outras veces se pon serio e dá a cara da moeda, eses premios Nobel, que este ano cobren de cinsa a cabeza da comunidade científica, recoñecendo que aceptar o imposible, ás veces, acaba en premio –previo paso pola escuridade e o silencio. A natureza – como a humanidade- non é perfecta, e resulta útil lembralo .
Tal vez, nos tempos de crise que corren, coa burbulla financeira a piques de rebentar novamente, a nova de que o universo corre da nada cara o baleiro, alimentada por unha escura enerxía non resulte especialmente excitante. Pero resulta emocionante comprobar, unha vez máis, que o interese da ciencia é a vida humana, protexela e alimentala estudando os seus máis mínimos e desconcertantes aspectos.
E no non sempre grato camiño do éxito, moitos científicos deben contemplar como hipóteses aparentemente absurdas xustifican condutas, actos ou comportamentos da natureza, animada ou inanimada, e aquí entramos nunha espiñenta discusión á que ven resultando imposible poñerlle cancelas, pois aínda somos capaces de asombrarnos, e non tanto de recoñecernos, nas actuacións aparentemente humanas das criaturas que destruímos .