20/10/2011

Mentiras

A verdade ou a mentira non son asuntos triviais na ciencia: adoito a obra do científico e revisada e posta en cuestión moitos anos despois da súa morte, para maior gloria ou escarnio deste. A cuestión é aínda máis polémica, neste caso, porque atinxe a unha cuestión escurecida artificial e interesadamente: os efectos da radiación sobre o ser humano. Aínda que este é un debate parcial, aínda non hai claridade ningunha sobre os efectos da radiación de baixo nivel, como a dos móbiles e antenas, e a falta de confianza está afectando ao despregue de antenas e a cobertura das compañías de telecomunicación. Se realmente é inocua, as compañías están perdendo unha boa oportunidade de negocio por manternos na ignorancia. Claro que no caso contrario, o multimillonario pastel podería quedar moi reducido, e de aí quizais proveñan os esforzos por impedir as investigacións ou a divulgación dos –escasos- resultados das –mínimas- investigacións sobre o particular.

Neste tempo de crise todo convida a unha mellor planificación. As discusións económicas son tan falsas que seguen negando a necesidade da planificación económica (gobernamental, non dos actores do mercado sobre as súas propias expectativas) cando, en todos os campos da experiencia humana, a planificación das actuacións ben sendo un requisito previo desde tempos prehistóricos. So unha rigorosa planificación pode conducir a resultados científicos e tecnolóxicos innovadores, que melloren a vida de todos os seres humanos e non só dos propietarios das grandes compañías. Neste contexto hai que felicitarse pola xeira que propón o You Tube en colaboración coa ISS. Iso é achegar aos cativos á ciencia.

E mentres a verdade dos neutrinos continúa agochada, quizais tras un veo de materia escura ou de escura materia, resulta interesante revisar un par de novas sobre microorganismos: como a peste negra perdeu o seu poder e a verosimilitude das conclusións do FBI sobre os ataques con Antrax do 2001, un ano no que presuntamente naceu o século XXI sobre unhas mortes cuxa vinganza foi unha completa serie de falsidades e despropósitos.

Non resulta estraño preguntarse como é que aínda nos sorprendemos de parecernos aos nosos pais: seguimos evitando ao animal que nos habita, e así, é ben fácil que nos mate a nosa forma de vivir, empeñados como andamos en mentirnos con tanta convicción. Afortunadamente, aínda hai razóns para unha certa esperanza de que a xerentocracia non acabe con todo.

P.S. Xerentocracia: dise da forma de goberno na que os xerentes dominaron a escena política, condicionando calquera actuación ao beneficio económico, que conduciu ao crack do 2008.